MAESTROESMA

2024. En Febreiro cumpríronse 40 anos do pasamento de Julio Cortázar; en Agosto cumprirase o centenario do seu nacemento.

A instantánea reflicte a portada dun libro que remexe as entrañas do Boom, a eclosión da narrativa latinoamericana que tivo lugar na segunda metade do século XX. A obra contén a correspondencia que intercambiaron os autores máis representativos do citado movemento e constitúe en si mesma un manifesto. Cortázar era o máis vello dos catro. Seguíanlle García Márquez e Fuentes, falecidos hai 10 e 12 anos respectivamente. Vargas Llosa, o máis novo, continúa vivo, malia anunciar recentemente a retirada do panorama intelectual.

A concepción cultural de Cortázar era ben ampla e desenvolvida. Dá gusto escoitar a voz peculiar, o acento que conserva o pouso francés do país onde o persoeiro nacera (Bélxica).

As reflexións do Troesma -distorsión gráfica do vocábulo maestro convertida por Cortázar no seu alcume- aguzan a visión sobre os textos. O autor entendía o conto como un froito maduro, que alcanza a perfección na plenitude da madureza, fronte á novela, árbore á que non cesaban de medrarlle ramas…

Aurora Bernárdez, primeira esposa do autor, posuía ascendencia galega, e mesmo viviu de nena en Lugo. A paixón entrambos evolucionou cara a unha amizade inquebrantábel, razón de máis para traducir a produción de Julio Cortázar á lingua do país. []

Liliana Felipe préstalle voz ao Troesma en “Java”, composición integrada en Salvo el Crepúsculo, poemario publicado postumamente en 1984.
O tema inspírase nunha imaxe do texto máis repenicado de Cortázar, Rayuela, que proxecta un neno a contemplar os peixes a través dun vidro. As burbullas suxiren ilusións e soños que se prestan a unha lectura erótica. Juan Luis Guerra, o autor e intérprete do cantar, aclarou que a súa devoción pola devandita novela subxace ao mesmo.

Deixar un comentario

Start a Blog at WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos