III SEMANA DAS HUMANIDADES

Dende o curso 2021-2022 o IES Espiñeira conmemora o Día das Humanidades. Non é unha data oficial, pero si institucionalizada no centro. A iniciativa partiu do alumnado que aquel ano cursaba Grego e Latín en 2º BACH; emporiso reviste para nós tanto valor.

Fixemos coincidir a efeméride cunha parente, o Día da Poesía (21 de Marzo), circunstancia que permitía estender as actividades realizadas ata o 27 de Marzo (Día do Teatro). Porén, o calendario escolar deste ano non se axeitaba á cronoloxía establecida. Optamos excepcionalmente por unha solución de consenso: lembrarlle á rapazada os devanditos acontecementos e adiar a celebración ata o 17 de Abril.

Fragmento do Home de Vitrubio, bosquexo a través do que Leonardo da Vinci ilustra a harmonía das proporcións na Antigüidade clásica grecorromana.

ETIMOLOXÍA DO VOCÁBULO HUMANIDADES

Éche ben curiosa a orixe desta palabra. Procede do latín homo: “persoa”. A miúdo traducimos o vocábulo como “home”, sinónimo de “ser humano” independentemente do xénero. A cualidade atribuída ao ser humano é a humanitas, que plasmamos no galego “humanidade”, indisociábel da humilitas:”humildade”. Os humiles fican a rente do humus, da terra, e non se gaban do que teñen nin do que non teñen.

O vocábulo humanidade adquire un trazo colectivo para significar un conxunto de seres, unha etnia ou máis xuntas, unha multitude. Asemade, o plural humanidades apela ás manifestacións creativas e culturais intrínsecas ás persoas. Tales manifestacións agrúpanse en disciplinas obxecto de estudo e, daquela, nas materias que deseñan o itinerario didáctico así denominado.

O Renacemento, período histórico situado entre o Medievo e a Idade Moderna, transforma a comprensión do mundo que nos rodea. O Humanismo, corriente intelectual que empuxa os eruditos da época, propugna o retorno ao universo clásico grecorromano para preservar as cualidades da persoa. Avoga polo abandono do teocentrismo e defende o antropocentrismo, isto é, asume a realidade mediante o raciocionio, lonxe do sobrenatural e inexplicábel.

Ilustración de Ana Galván para o cuaderno central de TELOS, publicación centrada na pervivencia das Humanidades no bacharelato STEM.

A MAXIA E O REAL

O 17 de Abril de 2014 falece Gabriel García Márquez; volvemos a vista atrás e van 10 anos na volta… O escritor colombiano constitúe un dos representantes máis autorizados da narrativa hispánica contemporánea e, se cadra, do realismo máxico, vertente que fusiona o verosímil co fantástico nun relato críbel.

Encadramos o autor dentro do boom, eclosión da escrita latinoamericana a mediados do pasado século. Un feixe de artistas brillantes anovaron as letras, conferíndolles un lugar de privilexio no panorama cultural das Américas. Julio Cortázar, Álvaro Mutis, Juan Rulfo, Carlos Fuentes ou Mario Vargas Llosa son dignísimos expoñentes da mencionada tendencia. Só o último dos mencionados permanece con vida; os demais, malia seren inmortais, finaron. Precisamente ao redor de García Márquez e Vargas Llosa técese o mito paraliterario.

Disque Vargas Llosa (o agresor) e García Márquez (o agredido) pelexaron por un asunto de saias. Disque a muller dun choroulle ao outro cando o home liscou tras unha azafata loira. Disque aquel lle fixo as beiras á muller deste aproveitando a ausencia do marido… Todo son disques e seicas, pero os implicados xamais dixeron nin pío; tes medo, non es bo… O puñazo ilustra un afastamento persoal que coincide cunha marcada diverxencia política. Eis a intrahistoria dun nó inextricábel.

Non obstante, situémonos na orixe do realismo máxico. Segundo Álvaro Cunqueiro, na dúplice condición de erudito e creador, o movemento nace en Galiza. A dicir verdade, a idiosincrasia galega concorda coa esencia argumental da corrente. Pensemos en Valle-Inclán, Fernández Flórez ou Torrente Ballester, cuxo enxeño reflicte a fusión do imaxinario co auténtico; pensemos en Blanco Amor, en Cunqueiro, en Casares… Uns exprésanse en castelán e outros en galego, pero todos proxectan a noción de identidade que nos caracteriza, a mestura de elementos a definiren un universo indefiníbel: o noso.

A III Semana das Humanidades pivota sobre os seguintes autores: Gonzalo Torrente Ballester (Ferrol, 1910-Salamanca, 1999), Gabriel García Márquez (Aracataca, Colombia, 1927-Cidade de México, México, 2014) e Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002).

En 1967 Casares publica Vento ferido, unha ducia de contos gobernados pola fatalidade e o sino. A obra exhibe un relato castigado pola violencia, pola brutalidade. Fora editada por Fernández del Riego, quen sorteou habilmente a censura, inimiga de exposicións tales. Casares sempre recoñeceu a débeda que contraera con Juan Rulfo, o creador de Pedro Páramo e El llano en llamas.

En 1967 García Márquez cimenta a fama grazas a Cien años de soledad. A novela conta as aventuras e desventuras dos Buendía, a estirpe que floreou en Macondo, se cadra o universo máis representativo do realismo máxico. García Márquez refire, divertido, que Álvaro Mutis lle puxo nas mans Pedro Páramo para que aprendese a escribir.

Torrente Ballester traballaba entón na State University of New York, onde fora convidado a exercer a docencia. En 1966 a familia sucou o mar para instalarse nos EE UU ata 1970. Nese breve período xermolou La saga/fuga de J.B. (1972). A narración desenvólvese en Castroforte de Baralla, localidade ficticia que a crítica adoita comparar con Macondo ao reparar nas similitudes entre os sucesivos Aurelianos Buendía e os recorrentes J.B. Asemade,Torrente Ballester traducira ao castelán as Elegías de Duino, de Rilke, versión na que en parte se baseou Juan Rulfo -quen non dominaba o alemán pero adoraba os versos de Rilke- para propoñer a súa.

A Fundación Carlos Casares celebra o 25 aniversario do pasamento de Torrente Ballester rememorando a amizade entrambos autores. Na fotografía, extraída de La voz de Galicia, atópanse o de Ourense e mais o de Ferrol (primeiro e segundo pola dereita respectivamente).

O 27 de Xaneiro de 1999 don Gonzalo partía lonxe das miserias deste mundo. Galego ata as alegrías, escribiu “en ferrolano”. A súa produción, nun castelán impoluto, despregou as entrañas de Galiza, o universo repleto de realidades que hoxe semellan incríveis…

O mestre viviu entre dúas culturas, formou dúas familias e amoreou duplicidades intelectuais e existenciais. En 1981 manifestara o propósito de compoñer unha obra na lingua do país. Nunca chegou, mágoa!, pero a RAG soubo recoñecer a galeguidade que apousa na concepción artística de don Gonzalo; tamén nós!

A rapazada teceu todos estes fíos para reinvindicar o Humanismo, as Humanidades.

Deixar un comentario

Start a Blog at WordPress.com.

Subir ↑

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos